Artigo publicado no xornal: Praza.gl: https://praza.gal/opinion/ainda-hai-que-refundar-o-capitalismo
Onde quedou aquilo que dixera Sarkozy de que “Hai que refundar o capitalismo”?
Dicir díxoo, ben alto e claro, como lemos por exemplo en El País “Hai que refundar o capitalismo”. Lembrades? Era o 2008. Tempo despois lembróunolo Xesús Veiga, Foi o 17-07-2017 nesta mesma Praza.gal, baixo o título de “O capitalismo realmente existente”.
Choveu desde o 2008 e tamén desde o 2017 mais o capitalismo segue sen se refundar, mais ben ao contrario, se antes parecía correr cara a un camiño sen saída, agora semella que xa a atopou: Corre con gañas cara un fundo precipicio!
Non vou presumir de saber o que está a acontecer, evidentemente. Mais preocúpame, e por iso vou aventurar algunhas notas do que coido que está a pasar, e do que hai Que Facer, que diría Lenin (con todas as diferenzas de lugar, tempo e, sobre todo capacidade, claro está), da que este pequeno texto seria unha especie de introdución. Máis para min mesmo, para irme centrando un pouco nestes tempos tan líquidos e atopar algunha solidez lóxica e, sobre todo, estratexias de actuación.
Porque a min, e supoño que polo menos a algúns de vós, de súpeto parece que todo me sobrepasa. O mundo estáseme enchendo de trolas, cando non de verdadeiros embustes. Moitos dirixentes, mesmo todo un Presidente dos Estados Unidos, mais non só, parecen viláns dunha película de Marvel. As guerras inícianse sen necesitar dos clásicos exercicios de imaxinación para xustificalas. Elementos centrais da globalización capitalista, de que nos falaba Xesús Veiga no artigo citado, son agora anatema. Privatízasenos todo, a sanidade, a educación, a vivenda, os cuidados, as redes sociais. Mesmo a auga coma en Argentina. Tecnoloxías temíbeis ameazan o noso traballo, a nosa privacidade, o noso propio ser, ata mesmo obrigármonos a aprender “palabros” novos, como “neuro dereitos”…
Si, o mundo estásenos a volver líquido, sen solos sólidos que nos sosteñan. Xa foi dito hai tempo, mais… Que carallo! E que estase licuando tanto que logo vaporizará…
Ben, tranquilicemos e razoemos, sabemos que o noso vello mundo capitalista tampouco non pode ser mui sólido. Non fai falla acudir a Marx para sabermos que os capitalistas necesitan que a grande maioría da poboación viva na inseguridade, é dicir, nun mundo abondo “liquido” para verse obrigados a buscar o suporte sólido dun posto de traballo que, a cambio dun “dignificador” salario, xere a “necesaria” plusvalía aos donos do capital. De feito non é casual que o capitalismo nacera coincidindo coa inseguridade xerada polo cerramento dos bens comúns.
E tamén é certo que o capitalismo ten sofrido crises, algunhas tan fortes que obrigaron ao que podemos chamar “refundación” (Fordismo, Estado do Ben-estar, Neoliberalismo…) Probabelmente é ao que se refería alguén tan pouco dado a criticalo como Sarkocy. Tamén é certo que non se “refunda o capitalismo” da noite á mañá, ha de levar o seu tempo, digo eu, mais a verdade é que desde aquela estase limitando a “tirar para-diante”, coma unha galiña sen cabeza (ou coa cabeza de Trump, Milei, Musk, Thiel, ou eses Sionistas cristiáns de que nos fala neste artigo David Alvarado… que ven ser o mesmo) cara o precipicio que todos vemos, e eles tamén, estou seguro.
O certo é que as crises actuais parecen excesivas, só citalas dá preguiza, leva un tempo: Crise Ecolóxica. Crise Tecnolóxica e do Beneficio decrecente. Crise do Incremento da desigualdade. Crise da Vivenda. Crise da Enerxía. Crise do Patriarcado. Crise da Fin dos servizos públicos (sanidade, educación pensións). Crise da Globalización. Crise do Soberanismo-Multi-lateralismo. Crise do “Mundo baseado en normas” e do Militarismo…
Ficamos sen alento preguntándonos, outra volta, Que Facer? porque, ademais, de todas e de cada unha delas hai muito do que falar. Comezarei polas dúas primeiras, que para min teñen unha importante característica común: Son terminais para o sistema actual. Coido que o capitalismo neo-liberal non as pode resolver (non se pode “refundar”) pois atacan aos seus cimentos. Vexámolas:
1- A crise ecolóxica. Ecolóxica porque non é só o cambio climático (que, por certo, as galiñas sen cabeza negan mentres, ao mesmo tempo, buscan aproveitarse das súas vantaxes, como fai Trump co tema de Groenlandia e as súas terras raras -que se volverán explotábeis- e o seu control sobre a navegación no Ártico -que ficará, efectivamente, navegábel-). Tamén está a perda de biodiversidade, o esgotamento das materias primas, as pandemias, a contaminación…
Hai unha contradición entre o capitalismo e os limites da Terra que está a chegar ao fin do seu ciclo: O capitalismo precisa un crecemento porcentual constate (ou sexa, exponencial) da produción (PIB) e dos beneficios, o que choca cos lóxicos limites do planeta, uns limites que xa foran preditos no ano 1972, como podemos ver na Galipedia, e que agora fanse perigosamente evidentes: A pregunta é, pódese refundar o capitalismo para que non teña que medrar exponencialmente? A miña opinión é que non e, caso de seren posíbel, o capitalismo tería que ser ben distinto, dun xeito que non lle gosta nada aos capitalistas, Por iso nos teñen aquí avanzando cara o precipicio, incapaces de entender a necesidade de refundarse coas únicas normas posíbeis, as da “economía rosquilla” que definiu Kate Raworth.
E diante do precipicio estamos tanto nós, os humanos normais, coma os capitalistas, eses escasos humanos con moitísimo capital. Salvo mui contados capitalistas-negacionistas sinceros, que parvos hainos en todas partes, os capitalistas sábeno, tanto as “galiñas sen cabeza”, ás que apenas lles preocupa nada agás os seus beneficios inmediatos mentres esperan superar a crise nuns búnkeres supostamente seguros que constrúen a toda presa, coma os capitalistas con cabeza que simplemente non saben que facer mentres miran ese precipicio que acabará ou co capitalismo ou coa humanidade (tamén con eles, o do búnker é unha parvada, déixoo caer por se algún Musk, Zukerberg, Bezos ou outro “xenio das finanzas” de Silicon Valley aínda non se decatou e me le)
2 – En canto á Crise da Tecnoloxía e do Beneficio decrecente. Pois haiche xente que opina que as novas tecnoloxías destrúen mais postos de traballo dos que crean. Eu coido que o problema hai que analizalo desde aquela idea xa apuntada por Marx, de nome ben raro por certo, a “Longa Tendencia Decrecente da Taxa de Ganancia” (LTDTG).
Intentarei explicarme dun xeito mui resumido e “grosso modo”: Como anotou Karl Marx, e amosa con datos actuais Michel Roberts neste artigo, o capital constante, como os edificios, maquinaria, etc., tende a incrementarse no capitalismo co paso do tempo (en especial debido aos avances tecnolóxicos) respecto ao capital variábel, entre o cal os salarios (que son os que producen a máis-valía ou plusvalía) son a parte máis importante. Tamén de forma moi resumida (e “grosso modo”) podemos definir a taxa de ganancia como a relación entre o plusvalor, ou máis-valía, e o capital total (suma do Capital constante + o Capital variábel). Enténdese que se o capital constante tende a aumentar en relación ao capital variábel, a taxa de ganancia (e por tanto o beneficio do capitalista) tende a diminuír.
En Román Paladino: A longo prazo, o capital investido na produción dá cada vez menos porcentaxe de beneficio!!! Un desastre!.
E iso o capital sábeo, e dóelle, e reacciona. Carallo se reacciona!!!” M. Roberts describe a forte caída da taxa de ganancia na crise de rendibilidade de 1966-82, e a reacción do Capital mediante o axuste neo-liberal que conseguiu incrementar brutalmente a taxa de extracción de mais-valía ao baixar os salarios reais para, deste xeito contrarrestar o aumento do custe do capital constante. Funcionoulles relativamente ben ata aproximadamente 1997, para volver a caer nunha pendente que rematou nun ano que todos lembramos, 2008, o do conto de Sarkozy. A tese da LTDTG predí as dificultades para recuperar a taxa de ganancia1. Os capitalistas tíranse do pelo, non saben que facer para manter o seu “dereito” ao máximo beneficio.
Resumindo, a taxa de ganancia segue baixa e fai que os capitalistas fuxan dos investimentos produtivos. Porque como di M. Roberts, seguindo a Karambakhsh, no artigo mencionado, “A taxa de ganancias marxista debería incorporar o concepto de traballo produtivo. A teoría marxista sostén que o novo valor e a mais-valía créanse tan só nos sectores produtivos da economía (por exemplo, fabricación, construción, transporte e comunicacións); non en sectores improdutivos como o inmobiliario, as finanzas ou o goberno. Estes últimos sectores simplemente redistribúen o valor excedente creado nos sectores produtivos.”
E non casualmente eses outros “investimentos”, os non produtivos, están agora entre os mais rendíbeis, e son aos que acoden, como a un lambeteiro tarro de mel, os multimillonarios para redistribuír (ao seu favor, claro) ese “valor excedente”. Xunto a outras formas de redistribución (tamén inversa, claro) como a guerra, as concesións administrativas (como a eterna de Audasa), a especulación de todo tipo (vivenda, burbullas como a da IA…), as patentes cada vez mais abusivas como lembramos coa Pfizernos tempos da Covid e investimentos deses que amosan que o capitalismo, se algunha vez foi un sistema eficiente e criador de riqueza, xa deixou de selo. Limítase a acaparala. Segue a ser capitalismo? Aquel sistema definido polo uso do capital para comprar forza de traballo a cambio de mais-valía? Pódese soster este sistema moribundo? Canto tempo, en termos históricos, pode durar? Como podemos cambialo?
Estas dúas contradicións (a ecolóxica e a da LTDTG) convéncenme de que o capitalismo está nunha fase final. Tampouco é algo tan raro nos sistemas, que de pronto medren moi rápido para acabar detendo ese crecemento ou estourando. De feito nós, como humanos sabémolo pola nosa adolescencia, por exemplo, que, por sorte, detense ao chegarmos a adultos. Parece que lamentabelmente a economía carece das hormonas necesarias para facer o mesmo automaticamente e terémolo que facer nós, os humanos, como, por certo, xa temos feito outras veces, coma no cambio do feudalismo ao capitalismo, sen ir máis lonxe.
Entrementres, e volvendo a tópicos xa vistos, estamos entre o “vello que non dá marchado e o novo que non chega”, mentres nos volvemos a preguntar “Que facer”?
Cando un sistema colapsa substitúese por outro. Estamos vendo a onde nos leva unha das alternativas (a das galiñas sen cabeza). Temos que buscar como evolucionar a un novo sistema, o das persoas con cabeza. Un novo sistema que xa non pode ser o capitalismo e que, desde logo, tampouco podemos permitir que sexa o que representan Trump e os seus colegas.
——————-
- Nota: Algúns datos tomados do artigo de M. Roberts citado: En 1966, punto mais alto, a Taxa de Ganancia estaba no 10,3. En 1982 en 6,6. En 1997 en 7,8, novo punto mais alto. En 2008, o da crise, 6,4. E no último ano analizado 2019, apenas o 6,8. ↩︎