Reproduzo a introdución e máis os 3 artigos do debate (apenas está esbozado, pola brevidade dos textos) do título: A Renda Básica Universal: un debate oportuno e necesario. Pódese ler aquí (tamén na revista en papel, con algunhas modificacións, entendo que substanciais, xa que a introdución é diferente e aparece asinada por Manoel Barbeitos e o non aparece o traballo, precisamente de Manoel Barbeitos, sobre o Traballo Garantido.
Os autores son Xabier Pérez Davila, moi brevemente: economista, escritor (entre outros: “Socialismo en Europa 2020” e referente no movemento pensionista, Manoel Barbeitos, moi brevemente: tamén economista, articulista praza, Tempos Novos etc coordinador deste debate e máis eu.
Na revista en papel (Tempos Novos) tamén sae este mesmo debate, se ben de forma non totalmente coincidente (a introdución do debate é máis ampla e non aparece o artigo sobre o Traballo Garantido).
Introdución do debate:
A crise do neoliberalismo, do capitalismo neoliberal, deixou en evidencia algo que por sabido non resulta menos relevante, como que este sistema disparou as desigualdades sociais como nunca antes sucedera. Que o 1% da poboación mundial posúe mais riqueza e patrimonio que o restante 99% da humanidade. Unha realidade que resulta rechamante cando seguramente tamén sucede que hai máis riqueza que nunca e bastaría para comprobalo con botar unha ollada ás ganancias que se fan públicas das grandes rendas do capital (bancos, fondos, multinacionais…). Unha realidade á que Galicia, como resulta notorio, non escapa e que segundo as fontes máis fiables se reflicte en que máis do 25% das familias galegas están en risco de pobreza ou exclusión social, a taxa de pobreza infantil é do 34% e a desigualdade elevada (29,3% segundo o índice de GINI).
Neste marco e dende perspectivas diferentes, incluso ideoloxicamente, xorden propostas dirixidas a superar esta situación incluso sen poñer en cuestión o sistema capitalista. Propostas entre as que hoxe queremos recoller a da Renda Básica Universal (RBU) para o que traemos aquí tres voces coa intención de que nos conten en que consiste esta proposta e que a xustifica. Pero antes debemos sinalar que esta da RBU non é a única proposta que existe hoxe en día, xa que hai tamén defensores do que se chama Emprego Garantido (IG/ELR) que fronte os mesmo problema e practicamente co mesmo obxectivo final (garantir unha renda a todo o mundo) presentan importantes diferenzas tanto en canto aos beneficiarios como ao formato (renda/emprego) e os propios obxectivos finais.
Velaí o obxectivo que buscamos e a cuxo debate queremos nvitar a tódolos colectivos e persoas individuais interesadas no mesmo.
A renda básica non é a única política igualitaria por Xabier Perez Davila
A primeira xustificación da Renda Básica (RB) é a persistencia da pobreza. A contía das rendas condicionadas é insuficiente e non chegan ás persoas que as precisan. O proxecto histórico da esquerda é o control colectivo dos principais medios de produción para satisfacer as necesidades comúns. A revisión do paradigma neoliberal abre un espazo para avanzar nesa dirección.
Pobreza persistente
É a evidencia máis poderosa a prol da RB, “nin o incremento das rendas medias, nin a creación de emprego, nin o aumento do PIB per cápita se traducen de xeito automático nunha redución proporcional da pobreza e a exclusión social”1. Os servizos e transferencias públicas reducen a poboación en situación de pobreza á metade. Mais, en 2023 esa metade eran 13 millóns de persoas. Ao ritmo actual cumprirían 68 anos para acabar coa pobreza no Estado español. Na Galiza padécena 688 mil persoas, 1 de cada 4.
Insuficiencia
Só unha comunidade, a valenciana, ofrece unha renda mínima por riba do limiar de pobreza. Cinco superan o límite da pobreza severa. O ingreso que garanten as outras 13 fica por debaixo. O importe do Ingreso Mínimo Vital (IMV) en 2020 non permitiría evitar o risco de pobreza en ningunha comunidade2.
Baixa cobertura
En xaneiro de 2023 o IMV protexía 1,6 millóns de persoas, só o 12% da poboación en risco de pobreza ou exclusión social. Nas comunidades con rendas mellor deseñadas, Euskadi e Navarra, as rendas mínimas non chegan ao 30% e 43% das persoas potencialmente beneficiarias.
O capital non é o último horizonte da especie
A esquerda céntrase desde hai décadas nas políticas distributivas, esquecendo o proxecto orixinal de disputar ao capital a dirección do proceso produtivo a través da propiedade xeral (pública estatal, autonómica ou municipal; xermánica como a dos montes en man común; campesiña; cooperativa das traballadoras e traballadores).
O modo de regulación neoliberal está en crise. Desde o Plan de Empregos para América até a promoción das enerxías renovábeis e a produción de semicondutores, Biden reivindicou a intervención pública. Draghi reclámaa para relanzar a competitividade europea fronte a USA e a China. Estima en 800 mil millóns de euros anuais o incremento do investimento necesario, un 4,5% do PIB. Enfeita a proposta co engado dun “forte contrato social”. A esquerda europea debe reclamar que o investimento público se acompañe de propiedade pública nos sectores estratéxicos e representación laboral nos órganos de xestión; creación de empregos de calidade en sectores social e ecoloxicamente necesarios como coidados e eficiencia enerxética; recuperación dos salarios perdidos nas últimas décadas e rápida implantación da xornada de 30 horas como instrumento de reparto do emprego.
Renda Básica. Erradicar a pobreza sen condicións por Afonso Bieito Lorenzo Penela
Persoalmente entendo que a Renda Básica (RBUI) deriva do Dereito á vida, xa que este non se pode entender sen unhas condicións materias dignas, como as que aportaría unha renda periódica Suficiente, Universal, Individual e Incondicional.
–Suficiente, por riba do limiar da pobreza, para que esta quede erradicada.
–Universal. Idealmente para todas as persoas da Terra. Na práctica, por razóns obvias, para as persoas residentes nun territorio (no noso caso o Estado Español).
–Individual. Que evita situacións de dependencia (mulleres, mocidade…).
–Incondicional. Eliminando a estigmatización das Rendas Condicionadas. Reducindo esa burocracia que expulsa persoas por non saber, ou non querer, pedir o subsidio. Aforrando en custes de control e inspeccións. Eliminando esa “trampa da pobreza” que, coa calculadora na man, recomenda non aceptar un traballo ante a perda do subsidio. Unha incondicionalidade polémica por aquilo de que vas cobrala “aínda que nin traballes nin busques traballo”… Vai crear vagos, dise rapidamente, nunha afirmación negada polos datos dos proxectos piloto realizados.
Sobre a polémica do traballo quero realizar brevemente algunhas precisións. Empezando porque creo que o traballo é o que nos fai humanos: Somos Homo faber, “homo que fai”, o que nos permitiu modificar a natureza (aínda que tamén ter problemas ecolóxicos). Pero cando se fala de traballo hai que precisar do que estamos a falar, porque concordaremos que o traballo escravo, ese en que fas o que che manda outra persoa para beneficio desa outra persoa, non nos fai máis humanos.
Certo que agora vivimos no capitalismo, non hai escravos. Pero no capitalismo, como sabemos, hai dúas clases de persoas, as que teñen capital suficiente para vivir de rendas e as que, non tendo tanto capital, vémonos obrigados a vender a nosa foza de traballo para facer, tamén, o que nos manda outra persoa e para beneficio desa outra persoa. Por iso Marx estuda o traballo remunerado dentro da categoría de “Traballo alienado”.
No concepto de traballo está unha das principais diferenzas da RBUI coas Rendas Condicionadas ou co Traballo Garantido (outra proposta que pretende erradicar a pobreza) que defenden que o estado entregue unha renda unicamente a quen queira traballar remuneradamente.
É certo que no capitalismo hai que defender as consignas do Dereito ao traballo e Redución da xornada pero sen esquecer que, realmente, o Traballo Remunerado non é máis que unha mercancía de venda obrigada e oferta escasa. Temos que vender o noso traballo para ser máis dignos? Ímoslle quitar de comer a quen non queira traballar (e non teña cartos de seu)? Non hai outros traballos, para nós e para a sociedade, máis gratificantes, importantes, útiles? Non é certo que “se algunhas traballadoras non remuneradas pararan, pararíase o mundo”?
A RBUI será útil por erradicar a pobreza e polo seu financiamento redistribuidor, pero tamén porque favorecerá políticas cunha visión do traballo, o remunerado e o non remunerado, diferente. Políticas preocupadas polos avances tecnolóxicos e a súa incidencia no emprego. Por dotar dun solo sólido a un mundo cada vez máis líquido. Por dar alternativas ao innecesario e claramente imposíbel crecemento constante do PIB. Pola procura dunha vida con mais calidade, creatividade, coidados. Por iso vemos como diversos movementos sociais (cultura, feminismo, ecoloxismo…) están xa a defendela desde posicionamentos propios.
Renda básica ou emprego garantido? por Manoel Barbeitos
Tarde ou cedo este debate que propoñemos en Tempos Novos terá que producirse. As razóns que me levan a facer esta afirmación teñen unha base dobre. Por unha parte, que as diferenzas de renda estanse facendo tan escandalosas que dubido que se poidan manter durante moitos anos tendo en conta, ademais, que consonte pasan anos fanse maiores. Por outra, que as crises recorrentes que golpean a mundialización capitalista teñen unha das causas nestas diferenzas de ingresos e patrimonios, polo que superalas vai esixir unha corrección das mesmas.
Neste marco cabe subliñar que a RBU non é a única alternativa que se ofrece co gallo de garantir a todo o mundo uns ingresos que lle permitan levar unha vida digna. Así, e dentro do que se chama TMM (Teoría Monetaria Moderna) ponse enriba da mesa a idea dun Emprego garantido cuxas características e razóns paso a subliñar.
Dende unha perspectiva macroeconómica o emprego garantido supón un seguro ante as variacións cíclicas do mercado laboral, pois actúa como un estabilizador automático que, se é suficientemente potente, pode evitar as recesións económicas, ou cando menos amortece-lo impacto das mesmas. Por outra parte, o emprego garantido, ao protexer as familias, protexe a economía e con elas a sociedade ao asegurar que toda aquela persoa que busca o emprego o atopa, xa que este tipo de programas financian directamente un emprego para todas aquelas persoas que están sen traballo, evitando así que un traballador cando quede sen emprego teña que pasar longas tempadas desempregado e chegue incluso a perde-lo subsidio se o estaba cobrando, o que pode non ser o caso.
Parece evidente aclarar que o emprego garantido é voluntario. A ningún traballador desempregado se lle pode obrigar a traballar neste programa público. Ademais de voluntario, ha de ser un emprego necesario, un emprego que cubra as necesidades dun servizo público cunha remuneración suficiente como para levar unha vida digna.
Non menos evidente é que o emprego garantido, polo seu carácter de estabilizador automático, está pensado basicamente para as fases recesivas da economía, cando a iniciativa privada despide traballadores. Un programa que permite estabiliza-lo nivel de emprego ao longo do tempo, pois non debemos esquecer que estamos nun sistema capitalista que como tal se caracteriza polo ciclos económicos: expansivos e recesivos. Unha estabilización que tería efectos macroeconómicos e tamén sociais. Dende o punto de vista macroeconómico, supón poñer un freo á caída da demanda cando as empresas despiden traballadores, pois se manteñen os ingresos e o consumo. A nivel social, a garantía para os traballadores de seguir tendo un traballo aínda que foran despedidos da súa empresa, o que ten tamén implicacións futuras, xa que, cando a economía se recupere e con ela a contratación de traballadores, estarán en mellores condicións de acceso ao mesmo que se estiveran parados.
Unha estratexia deste tipo levanta loxicamente moitas dúbidas sobre a súa viabilidade. Por caso, quen se faría cargo deste(s) programa(s)? Como se financiaría un(s) programa(s) deste tipo? Que tipos de empregos se ofrecerían? Con que remuneracións? O ideal sería que este(s) programa(s) foran asumido(s) pola Unión Europea -realmente é a mellor forma de que fora posible sen afectar a inflación- e mais concretamente polo FSE (Fondo Social Europeo), aínda que pola seu carácter tería que ser moi descentralizado non só a nivel de Estados senón tamén de Comunidades Autónomas e incluso de Concellos que, pola súa proximidade, poden desempeñar un papel moi relevante á hora de deseña-los empregos posibles. En relación ao seu financiamento, debe corresponder ao propio FSE. O deseño, ao tratarse de empregos públicos, debería correr a cargo das administracións que se beneficien deses servizos, que verían a cubrir necesidades que non cobre a iniciativa privada. Unhas administracións que deberan contar coa colaboración tanto no deseño como na implantación e a administración das organizacións sindicais e os movementos sociais. En relación ao tipo de emprego, resulta evidente que hai unha serie de necesidades sociais e comunitarias que están peor cubertas, como son as que se corresponden co benestar social (atención a vellez e a infancia, dependencia e discapacidade, familia,…) e o medio ambiente. Finalmente, as remuneracións deben ser suficientes para poder levar unha vida digna.
Velaí as liñas xerais dun programa que se pensa pode cubrir o déficit crónico de postos de traballo. Evidentemente que se trata das ideas básicas, xa que neste espazo non é posible un desenvolvemento máis detallado do mesmo. Ideas que parten de considerar o dereito ao traballo como un dereito fundamental.
Liogação ao artigo: https://temposdixital.gal/tres-en-raia/tres-en-raia-a-renda-basica.html
•