Introdución á “Palestra sobre a Palestina insubmisa”

Esta é a transcrição da introdução que fixem na “Palestra sobre a Palestina insubmissa” com Neal Baxter, de Mar de Lumes, organizada pola Associação Cultural Eira Velha, em Betanzos, o dia 3 de outubro.

A palestra pode-se ver na página de Eira Velha: https://eiravellaac.gal/archivos/2327

Antes de nada quero facer unhas reflexións sobre por que en Eira Vella cremos que debemos ir á manifestación deste 6 de outubro en Compostela en solidariedade co pobo Palestino.

Temos unha primeira e obvia resposta. Seguramente os vai soar: “Dentro duns días, o 7 de outubro, fará un ano do terríbel ataque do grupo fundamentalista e terrorista Hamás contra a indefensa poboación de Israel que obrigou ao único estado democrático e non fundamentalista da rexión a reaccionar en lexítima defensa.”

Esta frase, este “relato” continuamente repetido, chócanos, e como bos galegos empezamos e facernos preguntas, a analizar.

– Empezando polo final. “Reaccionar en “lexítima defensa”? É lexítimo defenderte a ti e o teu territorio. Quen invade outro territotio non se está defendendo, e menos lexitimamente.

– O 7 de outubro obrigou a Israel a reaccionar?. Lembramos. A “Nakba” (“a catástrofe”), no ano 1948, un éxodo forzado de centos de miles de palestinos que tiveron que fuxir a Exipto, o Líbano e o territorio xordano. Unha limpeza étnica de libro.

E seguiu. Masacres en Jenin. En Sabra e Chatila. Ocupación e anexión de territorios, expulsión de árabes de Xerusalén, declarada ilegalmente capital do seu estado, control da auga e da mobilidade en Cisxordania, coa poboación cada vez máis encerrada polos colonos ilegais en guetos que lembran nidiamente o réxime do apartheid da Suráfrica dos Batastutáns. O 7 de outubro empezou algo?.

– Terríbel ataque? Todos os ataques, máxime se hai víctimas mortais, son terribeis. Os 1.200 que contabilizou o goberno israelí. E tamén os máis de 40.000 que xa se contan entre os que se poideron enterrar en Gaza, sen contar os que seguen nos escombros. Como é terribel o uso militar da fame, a destrucción de hospitais e escolas, o ataque a médicos, cooperantes internacionais, xornalistas…

– Estado democrático e non fundamentalista? Lembramos a continua agresión aos símbolos árabes e/ou musulmáns, como a mesquita de Al-Aqsa mentres no 2018 se aproba Lei fundamental que define a Israel como o “Estado-nación do pobo xudío”, creando cidadáns de primeira e de segunda, na dirección dun estado fundamentalista relixioso e de apartheid.

Estamos ante unha ideoloxía e unha práctica de carácter supremacista, Un estado que se define como “xudío” autorizado (en contra, cómpre dicilo, da opinión de moitos xudios) por un deus antigo e descrito no seu imaxinario como especialmente cruel a exterminar a todos os que se opoñan á construción dese seu estado fundamentalista relixioso.

Unha ideoloxía, que como estamos vendo, non ten medo a extender a guerra aos países limítrofes, Líbano, Irán, Yemen… En lexítima defensa?

Con luz e taquígrafos, sen esconderse, co apoio dos países (USA e UE) que se vanglorian de querer un mundo baseado en regras. Que regras?

Pero tamén coa oposición da maioría dos países da ONU, aínda que incapaces ata o momento de impoñer os acordos da maioría da Asemblea e da Corte penal internacional e da súa fiscalía ante o veto dos países “occidentais”.

E da maioría da poboación mundial. Incluída a dos países occidentais cunha presión aínda insuficiente para obrigar aos nosos estados a apoiar a civilización e deixar as súas regras. Unha presión que, como en Betanzos, consigue manter unha presencia constante e periódica nas rúas.

Por iso cremos dende Eira Vella que temos que ir a Compostela o vindeiro 6 de outubro, porque temos que parar este xenocidio. E para lembrar as palabras Boicot, Des-investimento e Sancións. Porque hai épocas nas que toda indiferenza é criminal.

Porque se conseguimos acabar co apartheid de Suráfrica, tamén acabaremos co apartheid e a limpeza étnica israelí.

E por iso convocamos esta palestra con Robert Neal Baxter, membro de Mar de Lumes e de Galiza por Palestina.

Robert naceu en Inglaterra en 1966 onde se licenciou en Filoloxía francesa e lingüística pola Universidade de York. Tras unha estancia na Bretaña traballando nas escolas de inmersión lingüística Diwan e militando a prol do bretón e dos dereitos nacionais da Bretaña, instálase en 1993, como tradutor e interpretación en Compostela, onde mora e milita na actualidade.


É doutor en tradución e interpretación pola Universidade de Vigo, onde desenvolve o seu labor docente como profesor de interpretación inglés-galego desde 1995, onde é tamén delegado sindical pola CIG.


É membro do Concello Nacional do BNG, onde estivo á fronte do Grupo de Traballo LGBTI. Actuamente é responsábel do Grupo de Traballo Internacional. Tamén colaborou coa edición dixital de Terra e Tempo e é membro do Padroado da Fundación Galiza Sempre.

Deixa un comentario

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario